Celta de Vigo.

O valor das lembranzas

Manter viva a chama

Opinión - Fóra de xogo

 "Non te mirei por aquí o día do Salamanca. Perdiches un golazo deste... do Trashorras... menudo trallazo!

 Así que estiveches de viaxe... xa notaba eu raro que faltases, ti coma mín; anque xa sabes que cando vén o frío quedo na casa, cousas da idade, vaia, que se tivese folgos tampouco me verías aquí, estaría alá abaixo montándoa." (Risas)

 

 Vai comeza-lo partido. Respírase bo ambiente (cousa rara) e fai un sol de carallo. Mentres acomodo os pés ás reducidas dimensións da butaca, sinto verdadeira envexa de todo o que viviu o meu veciño da fila de abaixo polo Celta. Pero sobre todo, do orgullo que amosa domingo tras domingo.

 

 

 "Non sei se xa volo contei, pero eu estiven na inauguración de Balaídos. Daquela non había asentos, por non haber, onde estamos agora nin había cemento, era todo terra, cunhas árbores enormes e preciosas polo medio. Menudos lodazais cando chovía... Pero non penses que non había xente, que en moitos partidos ata se colgaban das árbores. Porque de cativo te collias da mán dalgún adulto e pasabas de balde, pero despois había que buscarse a vida... en fin, ese é outro tema. Resulta que un dos mellores árbitros da época, internacional, confesáralle a meu pai cal era a grada que máis respeto lles infundía, a el e aos seus compañeiros, en todo o 'circuito' español: a grada de Río! Non che era unha coña... daquela baixaban todos os de Valadares, Lavadores, Matamá, Beade -algún máis bruto có outro- e montaban tal balbordo que tiñan ó árbitro 'acojonadito'. Agora os poucos que berran están nesta zona, pero a festa sempre estivo na grada de Río."

 

 É posible sentir nostalxia de tempos non vividos? Porque iso era o que eu sentía ó escoita-las verbas do compañeiro. Podía poñerlle son e imaxe ó que me estaba a contar, trasladarme no tempo. Tantos xogadores, adestradores, partidos... pero tamén tantos celtistas, tantos berros, ledicias e tristezas... E seguimos aquí, no mesmo sitio, na mesma causa. Ás veces, o meu veciño de grada fala con orgullo do xeitoso himno que temos, ou do que sen dúbida é "o escudo máis bonito do mundo". Os símbolos suscitan sentimentos, pero o importante está detrás, nas lembranzas. Este home ten unha historia ligada ao Celta. Cada un de nós ten a súa propia. Probablemente non conteña tanto misticismo coma a dalguén que celebraba as victorias do Celta na diáspora xunto a outros galegos pendentes do transistor, ou que viviu con indignación aquela final de Copa do 48 -na que se lesionara o porteiro e non existían os trocos, que o Celta rematou con 8 xogadores, e o estadio asubiou en masa a entrega do trofeo-. Pero todos temos historias, anécdotas, intres nos que o Celta nos fixo vibrar de emoción ou nos encheu de orgullo.

 

 Millóns de historias conectadas entre sí, que cada un viviu á súa maneira, iso é o Celta. Algo propio, algo noso. Unha chama que, de extinguirse, levaría con ela unha parte da historia dos que estamos e dos que se foron. Só temos que arroupala, protexela dos concertos de vento, e avivala. Levamos unha réplica en miniatura nos nosos corazóns, xa sabemos como funciona. Déixovos, que vou ir entoando á gorxa.

Primer Equipo

[37ª] R.Madrid - Celta

240 Lecturas

 ...

[36ª] Celta 1 - Deportivo 1

349 Lecturas

  CELTA: Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Sergi Gómez, Jonny, Lobotka, Wass (Roncaglia, min.89)...

Xogador temporada

Failed to get Items, check your parameters!

Opinión

Galería