Celta de Vigo.

Xerez 2 - Celta 0

Semana para esquecer

Noticias - Primeiro equipo


Esta non foi a semana do Celta. O club vigués saldou as súas dúas saídas con derrota e, por qué non dicilo, con moi mala fortuna. En Jerez, fíxolle moi doado o traballo a un líder que apenas tivo que esforzarse, pois se ben marcou dous goles con moita sorte, o Celta non lle puxo difícil manter a vantaxe lograda, a excepción dos últimos minutos da primeira metade e primeiros da reanudación. O Celta amosou estar falto de ideas, con varios xogadores cun rendemento moi por debaixo do habitual. [+]

 

Igual que uns días atrás, volveu haber problemas co desprazamento para chegar a Jerez. Se ben son cousas inevitables, tamén hai que dicir que non garda moita lóxica xogar o partido en sábado despois de xogar só 3 días antes, podendo facelo o domingo. Nese sentido o Xerez partía con demasiada vantaxe. O plan de traballo desta semana foi prácticamente inexistente. En Chapín o Celta presentábase cun cambio de esquema, xa que Pepe Murcia dáballe a alternativa a Trashorras tralo seu bo papel nos últimos partidos. Tamén volvía Peña ao once, xunto con Fajardo (pola sanción a Edu Moya) e Oubiña.
 

O partido comezou morno polas dúas partes. O Xerez apostaba máis que nada polos balóns longos ao punta Calle, mentres que xuntar as palabras 'Celta' e 'ataque' nunha mesma frase era pouco menos que unha oda ao subrealismo. Pouco a pouco o Xerez fíxose co balón en exclusiva, sen chegar a crear perigo en exceso, mentres que o Celta, cando intentaba emular ós locais, amosábase incapaz de dar un pase decente a dous metros. Non habería grandes complicacións para as defensas, ata que empezou a debacle. No minuto 24, un a priori inofensivo balón en profundidade do Xerez remataría no 1-0. Roberto Lago tiña clara vantaxe na carreira co seu par, Calvo, quen non viu -ou non quixo ver- cómo o galego rompía na carreira deixándolle vía libre para centrar ante a descomposición da defensa en bloque. O balón chegoulle a Momo, quen totalmente só, non tivo piedade. Unha actitude diferente amosou Viqueira, quen no canto de celebralo foi o primeiro en interesarse polo lateral.
 

Apenas uns minutos despois, para desgracia dos celestes, un balón dividido na área sería mal despexado por Peña, e chegaríalle morno a Aythami quen só tería que empurrala cara dentro, completamente só. O Celta estaba perdendo por dous goles a cero no minuto 28, con Fajardo cubríndo o sitio de Lago, e Jonathan Vila ocupando o lateral dereito. As cousas non pintaban ben, especialmente porque o Celta era inoperante á hora de crear xogo.


Trashorras interpretou que a súa entrada no equipo foi unha invitación do técnico a convertérse no centro do xogo celeste. E exerceuna elevada a máxima expresión. Os poucos ataques do Celta, foron directamente botados ao lixo polo seu exceso de agarimo ao balón, e por unha completa obsesión por conservalo ata a saciedade, ignorando os desmarques de compañeiros moito mellor posicionados que el, cuxa xogada máis perigosa sería un triste disparo que marcharía desviado por 10 ou 15 metros. Pouco a pouco, máis por empuxe que por outra cousa, e sobre todo en xogadas a balón parado, o Celta reaccionou. Tivo varias oportunidades para acurtar distancias, pero foron interrumpidas polo descanso.


Na reanudación, o Celta deu un paso adiante, Oubiña e Fajardo sumáronse máis ao ataque, e tras algúns minutos chegou a mellor ocasión dos visitantes. Rosada cabeceaba a porta un balón que o porteiro desviaría ao longueiro e que Dinei non acertou a enganchar. Foi só un espellismo. Trashorras seguía "á súa bola", e Dinei non se enteraba de moito. Dani Abalo, moi incisivo durante todo o partido (obxecto da maioría das faltas do Xerez), non tiraba a toalla, e conseguiu contaxiar a Fajardo e Rosada, probablemente o máis centrado do equipo. As poucas boas xogadas do Celta eran anuladas por un asistente que precisa unha cita de urxencia co oftalmólogo. Murcia trataría de cambia-las cousas introducindo a Michu e máis a Ghilas no minuto 65, sen éxito. O arxelino o intentaría, pero para gaña-los partidos fai falla moito máis. O Xerez mantivo a súa aposta por mante-lo resultado e non pasou máis apuros. Despois dunha semana nefasta, temos outra enteira por diante para corrixir cousas e aprender a plantarse nos partidos doutro xeito, pois a autocomplacencia non serve para nada.


 

FICHA TÉCNICA:

 

XEREZ: Chema, Francis, Aythami, Silva, Mendoza, Bergantiños, Viqueira (Luque, min.88), Calvo (Asier, min.85), Antoñito (Brian, min.68), Momo e Calle.

 

CELTA: Notario, Fajardo, Rubén, Peña, Roberto Lago (Jonathan Vila, min.26), Dani Abalo, Oubiña (Michu, min.65), Rosada, Óscar Díaz (Ghilas, min.66), Trashorras e Dinei.

 

GOLES: 1-0, min.24: Momo bate a Notario cun lanzamento baixo trala lesión de Roberto Lago; 2-0, min.28: Aythami recolle un rexeite na área e marca.

 

ÁRBITRO: Caballero Herreros, do comité rioxano. Amonestou a Fajardo, Rubén, Mendoza e Viqueira.

 

CAMPO: Chapín, uns 13.000 espectadores.

 

 

Comenta o partido:
Vota aos mellores:
Segue a clasificación:

 

 

 

 

 

 

 

Primer Equipo

[24ª] Celta 1 - Levante 4

141 Lecturas

Celta: Rubén Blanco; Hugo Mallo, Araujo, Hoedt, Juncà; Jozabed (Lobotka, min 46), Okay Yokus...

[23ª] Getafe 3 - Celta 1

234 Lecturas

Getafe: David Soria; Damián, Cabrera, Djené, Olivera; Samu Sáiz (Portillo, min 70), Maksimo...

[21ª] Valladolid 3 - Celta 3

272 Lecturas

Real Valladolid: Masip; Antoñito, Kiko Olivas, Calero, Nacho; Keko (Borja, min 82), Alcaraz, M...

Xogador temporada

Failed to get Items, check your parameters!

Opinión

Galería